Bolsas Galeuropa!! 2 meses de prácticas en empresas do estranxeiro

A Asociación Cultural Ingalicia participa no proxecto GALEUROPA en calidade de entidade sen animo de lucro beneficiaria dunha axuda no que poderán participar 40 mozos e mozas menores de 25 anos, ou menores de 30 se teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. para a realización de prácticas formativas non remuneradas en entidades/empresas públicas ou privadas de Republica Checa (8 bolsas), Irlanda (8 bolsas) e Italia (8 bolsas)

A mocidade participante poderá realizar prácticas laborais non remuneradas de 2 meses CON SAIDA MAXIMO 1 DE OUTUBRO E VOLTA 30 DE NOVEMBRO correndo a cargo do programa o apoio lingüístico, a viaxe, aloxamento e estancia na cidade das prácticas.

Os obxectivos xerais deste proxecto son:

  • Mellorar e ampliar as cualificacións profesionais e ocupacionais da mocidade
  • Mellorar as súas competencias interculturais
  • Mellorar o dominio de linguas estranxeiras
  • Desenvolvemento persoal das habilidades e competencias sociais e laborais.
  • Promover intercambios e redes de colaboración transnacionais
  • Reforzar a identidade europea da mocidade e divulgar o acervo da comunidade europea.
  • Incentivar as actitudes positivas cara a internacionalización de sectores económicos territoriais e oportunidades de emprego e auto emprego.
  • Recoñecemento/validación das destrezas e coñecementos adquiridos nas mobilidades.

 

REQUISITOS

As persoas destinatarias das mobilidades debe­rán cumprir os requisitos esixidos no Sistema nacional de garantía xuvenil.

1. Estar inscritos/as no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Se aínda non estas inscrito/a podes facelo AQUI

http://garantiaxuvenil.xunta.es/gaxuve/index.php/gl/

2. Ter entre 18 e menos de 25 anos, ou menos de 30 se teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. O requisito de idade debe cumprirse no momento de solicitar a inscrición no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil

3. Ademais dos requisitos anteriores, en coherencia coa citada Lei 18/2014, deberán cumprir os seguintes:

a) Non ter traballado nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

b) Non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos noventa días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

c) Non ter recibido accións formativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

IMPORTANTE: No suposto de que a persoa interesada en inscribirse no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil tivese finalizada a súa participación no sistema educativo, considerarase que o requisito da letra b) queda suxeito a non ter recibido accións educativas que compor­ten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores.

 

CONTIDOS DA BOLSA

  • Aloxamento: O participante terá cuberto o seu aloxamento durante os 2 meses en pisos compartidos, en cuartos individuais ou dobres;
  • Viaxe e Manutención: O participante obterá un diñeiro de peto durante a súa estanza como axuda á súa manutención e outros gastos que poidan xurdir no desenvolvemento das prácticas. Determínase en custos unitarios, segundo o país de destino, ate un máximo de 275€. Ao mesmo tempo recibirá unha dotación económica para sufragar os gastos de viaxe, determinado en custos unitarios, segundo a distancia do país de destino da mobilidade. Os transportes locais no país de destino (viaxe diario ao lugar de realización das prácticas) non son considerados como gastos de viaxe e quedan incluídos na partida de aloxamento e manutención.
  • Preparación pedagóxico/cultural/lingüística: é un curso de adaptación á lingua do País de destino de 1 semana de duración de luns a venres, de 4 horas diarias de duración;
  • Prácticas en empresas: 2 meses de prácticas non remuneradas en empresas.
  • Seguimento durante toda a estanza: O/a participante terá unha titoría por parte do socio de acollida e do ente coordinador (Ingalicia) durante toda a estanza.
  • Seguro Privado de accidente, repatriación e responsabilidade civil a terceiros.

INCOMPATIBILIDADES DAS AXUDAS

Estas axudas son incompatibles con calquera outro tipo de axudas ou bolsas de institucións públicas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, destinadas a actividades similares. A incompatibilidade aplícase ao ano de referencia de obtención da axuda para a realización do proxecto de mobilidade.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

As solicitudes de mobilidade presentadas polos mozos e mozas deben ir acompañadas de:

a)   Solicitude de modelo oficial

b)   Currículum vitae formato .word o .pdf Max 3 paxinas y en Inglés.

c)   Copia escanelada do DNI/NIE

d)   Unha declaración respon­sable de que non recibiron accións educativas que impliquen más de 40 horas mensuais nos 90 días previos á selección e que tampouco recibiron accións formativas de máis de 40 horas mensuais nos 30 días anteriores á dita selección.

e)   Unha declaración complementaria de non ter percibido outras axudas para a mesma actividade, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Ambas declaracións asinadas e enviada por correo.

A documentación deberá ser enviada por email a: info@ingalicia.org a mais tardar o dia 10 de SETEMBRO de 2015. Especificar no asunto do correo “Solicitude.Galeuropa.TUNOME.TUSAPELIDOS”

SELECCION

A selección das persoas participantes nas mobilidades farase conforme os principios de publicidade e concorrencia competitiva, atendendo como mínimo aos seguintes criterios de valoración:

a) Ata un máximo de dous puntos en función das prácticas formativas similares rea­lizadas en convocatorias anteriores (incluídas convocatorias anteriores de Galeuropa, e bolsas Leonardo da Vinci e/ou Erasmus de prácticas), dando preferencia á persoa que leve máis tempo sen realizar prácticas:

  • Por realizar algunha práctica no ano anterior á convocatoria: 0 puntos.
  • Por realizar prácticas no 2º ano anterior (e non no último ano): 1 punto.
  • Por realizar prácticas no 3º ano anterior (e non nos 2 últimos anos): 1,5 puntos.
  • Por realizar prácticas hai máis de 3 anos ou non realizalas nunca: 2 puntos.

b) Test escrito de motivación de realización de prácticas: ata un máximo de 3 puntos. Consistirá en 30 preguntas tipo test, valoradas en 0,10 puntos cada unha. (Realizados os test por todas as persoas solicitantes porase á súa disposición a plantilla de respostas correctas).

c) Obxectivos definidos pola persoa participante na solicitude de mobilidade, tendo en conta o seu grao de adecuación á finalidade do programa de mobilidade transnacional xu­venil e á do propio proxecto da entidade, ata un máximo de 0,5 puntos.

d) Mulleres vítimas de violencia de xénero ou persoas solicitantes cuxas proxenitoras a sufrisen, sempre que a acreditación das ditas circunstancias fora emitida con anterioridade á data da presentación da solicitude: 1 punto.

No suposto de que se produzan empates nas puntuacións de dúas ou máis persoas solicitantes, os criterios de desempate serán os seguintes:

– En primeiro lugar, a puntuación máis alta obtida nos criterios do punto precedente na mesma orde na que están establecidos.

– En segundo lugar, a maior antigüidade no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– En terceiro lugar, a maior idade fronte á menor.

– En cuarto lugar, igualdade de xénero: darase preferencia ao xénero que teña menor número de solicitudes.

– Por último, de persistir o empate, terase en conta a orde de entrada da solicitude.

XUSTIFICACIÓN DAS BOLSAS

a)   Certificado emitido pola empresa/entidade de acollida das prácticas no que constará a efectiva realización das prácticas formativas da persoa beneficiaria, así como o período en que se desenvolveron, o número de horas formativas mensuais e as activi­dades levadas a cabo. Deberá estar debidamente asinado pola persoa representante da empresa, a persoa que exerceu a titoría das prácticas e mais a persoa que as realizou. Acompañarase dunha proba documental de asistencia diaria ás prácticas, asinada pola persoa responsable da empresa e a persoa beneficiaria.

b)   unha memoria de actividades que constará de:

  •  Breve análise dos resultados obtidos respecto dos obxectivos perseguidos.
  •  Resumo da experiencia na estadía formativa, destacando os aspectos socioculturais e lingüísticos, as destrezas e habilidades adquiridas, os atrancos atopados, o proveito obti­do para a vida laboral e persoal e outras cuestións que se consideren de interese.
  • Indicación das modificacións producidas nas estadías se as houber, en canto á duración da mobilidade e posibles cambios de empresas/entidades de acollida das prácticas, así como as causas que as motivaron.
  • Reportaxe fotográfica de realización da práctica formativa da entidade/ empresa no país de destino.

c) Documentación que acredite a viaxe ao país de destino: tarxeta de embarque ou billete de tren ou autobús; no caso de facer a viaxe nun vehículo particular, deberase xuntar un escrito descritivo desta viaxe xunto cos correspondentes recibos de carburante e autovías/autoestradas necesarios para a súa realización.

d) De ser o caso, documentación que xustifique o motivo de forza maior que causou o abandono ou interrupción das prácticas.

INCUMPRIMENTO DE OBRIGAS. REINTEGRO DA SUBVENCIÓN

1. O incumprimento total ou parcial por parte do/da beneficiario/a das obrigas estableci­das nesta convocatoria orixinará o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de axudas.

2. O importe que se debe reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos po­sibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas para a concesión da axuda, á persoa benefi­ciaria: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionable.

b) Non realizar a actividade obxecto de subvención, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da bolsa: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionable.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida para a xustificación dos gastos: No caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionable. No suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de presentación de documentación incorrecta, o importe que se reintegrará será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento da obriga de presentar a certificación das prácticas formativas debidamente cubertas e asinadas así como a proba documental de asistencia diaria ás prácticas: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionable das mobilidades que non se certifiquen.

e) As renuncias/abandonos das prácticas por causa de forza maior debidamente xustificada e documentada, serán causa de reintegro do gasto subvencionable en concepto de manutención e aloxamento, proporcional ao número de días deixados de realizar. Considerase causa de forza maior a sinatura dun contrato de traballo e a enfermidade grave da persoa participante ou a enfermidade grave/morte dun familiar de ata 2º grao.

DATOS DE CARÁCTER PERSOAL

Segundo o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta convocatoria, cuxo tratamiento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídas nun ficheiro denominado «Solicitudes.Galeuropa.Ingalicia». O órgano responsable deste ficheiro é a Asociación Cultural Ingalicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta Asociación, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Asociación Cultural Ingalicia, Rua Puerta de Aires nº12 bajo, 15001 A Coruña, ou a través dun correo electrónico a: info@ingalicia.org.

PROXECTO COFINANCIADO POR:


logoxunta2

 

 

 

 

logo_YEI-FSE                  GALEUROPALOGO2015

(Visited 2.810 times, 1 visits today)