Bolsas Fundación Galicia Europa para prácticas en Bruselas

Bolsas para titulados superiores universitarios e en formación profesional en asuntos europeos

A Fundación Galicia Europa (FGE) constitúese ao abeiro do artigo 34.1 da Constitución Española e réxese pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, sobre o réxime das fundacións de interese galego e pola Lei 16/2010, de 17 de decembro de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público de Galicia. Esta fundación, creada en 1988, é unha institución sen ánimo de lucro que ten por finalidade promover o achegamento entre Galicia e Europa.

O traballo da FGE materialízase en catro grandes ámbitos de acción que responden aos obxectivos de defender os intereses de Galicia perante a Unión Europea (UE), informar sobre a UE en Galicia, promover a participación galega en proxectos europeos e formar e sensibilizar sobre Europa.

A formación da xuventude é un dos piares da actividade da FGE e con este obxectivo convócanse cada ano bolsas para que a mocidade galega poida incrementar o seu coñecemento sobre o funcionamento da UE e das súas políticas.

1. Obxecto

Establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de seis bolsas de formación, cinco dirixidas a licenciadas/os ou posuidoras/es de grao universitario e unha dirixida a técnicas/os superiores de formación profesional en Secretariado ou Asistencia á dirección, para a realización de prácticas en asuntos europeos nas oficinas da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e en Bruxelas durante o ano 2017. As bolsas teñen por obxecto a formación, realizando prácticas de aprendizaxe e familiarizándose co funcionamento da UE e das súas institucións co fin de favorecer o acceso ao mercado laboral, ademais de ofrecerlle a posibilidade de integrarse nun contorno multicultural e multilingüe.

As seis bolsas concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

2. Descrición e modalidade das bolsas

  1. Catro bolsas estarán destinadas a tituladas/os universitarias/os para a formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos, nas que se valorarán preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais e Ciencias Económicas. Destas catro bolsas, dúas estarán destinadas na oficina da FGE de Bruxelas e outras dúas na de Santiago de Compostela.
  2. Unha bolsa estará destinada a tituladas/os universitarias/os para a formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da presenza de Galicia nos organismos europeos, con destino na oficina de Bruxelas. Estará reservada para o grao ou licenciatura en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual.
  3. Unha bolsa estará destinada a técnicas/os superiores de formación profesional para a realización de prácticas con destino na oficina de Bruxelas. Estará reservada para as seguintes titulacións: Técnica/o superior en Secretariado ou en Asistencia á dirección.

As persoas aspirantes só poderán presentarse a unha destas modalidades de bolsa e deberán manifestar a súa elección no modelo de solicitude do Anexo I.

3. Requisitos das persoas aspirantes

Para concorrer a esta convocatoria as persoas aspirantes deberán cumprir, á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

 a. Ser nacional dun Estado membro da UE.

b. Ser natural de Galicia, ser filla/o de galegos ou ter residencia en Galicia desde antes do 1 de xaneiro de 2014.

c. Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos, todos eles obtidos con posterioridade ao 31 de decembro de 2009:

c.1.) Para as bolsas de formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos: título universitario superior (licenciatura ou grao)

c.2.) Para a bolsa de formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da presenza de Galicia nos organismos europeos: grao ou licenciatura en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual.

c.3.) Para a bolsa dirixida a titulados de formación profesional: título de Técnica/o superior en Secretariado ou Técnica/o superior en Asistencia á dirección.

d. Non ter sido beneficiaria/o de ningunha bolsa da FGE en convocatorias anteriores por un tempo superior a 4 meses.

e. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectada/o por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

4. Solicitude, documentación e prazo de presentación

A solicitude de admisión deberá presentarse segundo o modelo do Anexo I que acompaña a esta convocatoria e será remitida por correo certificado con acuse de recibo ou presentada no rexistro da FGE (Rúa Hórreo, 61, 15701, Santiago de Compostela; ou Rue de la Loi 38, bte.2, 1040 Bruxelas). A efectos de axilizar os trámites de admisión solicítase que as persoas aspirantes que opten pola remisión a través do correo certificado envíen tamén copia do formulario de solicitude ao enderezo electrónico santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu.

Ás solicitudes xuntarase, polo menos, a seguinte documentación en copia simple:

  • Currículo, en formato Europass.
  •  DNI ou documento equivalente.

  •  Documentación que acredite o cumprimento dos requisitos de admisión sinalados no punto 3 destas bases. En caso contrario, as solicitudes presentadas poderán ser rexeitadas.

  •  Documentación que acredite o cumprimento dos méritos relacionados no punto 9 destas bases. Non serán computables os méritos que non sexan acreditados documentalmente.

Declaración responsable de non percibir, durante o tempo que dure a bolsa, ningunha compensación económica derivada dunha actividade profesional por conta propia ou allea que lle impida cumprir coas obrigas coa FGE, de non estar acollida/o á prestación por desemprego e de non desfrutar doutra bolsa ou axuda para a mesma finalidade (Anexo II)

O prazo para a presentación de solicitudes e a documentación remata o día 22 de novembro de 2016.

5. Duración das bolsas e obrigas do persoal bolseiro

As bolsas terán unha duración de 11 meses. As prácticas comezarán o 23 de xaneiro de 2017 e rematarán o 22 de decembro de 2017.

No caso de baixas ou renuncias, poderanse conceder bolsas por un tempo que cubrirá unicamente o que reste desde a data de inicio da nova bolsa concedida ata a data de finalización da bolsa inicial. Para cubrir estas incidencias chamarase por orde de prelación que resulte da lista de reserva publicada das/os candidatas/os que non obtiveron praza. Non se concederán bolsas para suplir baixas ou renuncias por tempo inferior a un mes.

Ademais das obrigas xerais que impón a normativa do réxime interno da FGE e o bo uso das súas instalacións e equipos, así como daquelas que se puidesen inferir da convocatoria, as persoas seleccionadas deberán aceptar os compromisos establecidos no Anexo III. En caso de incumprimento destes compromisos e obrigas, a FGE podería decidir a resolución da estancia de prácticas.

6. Contía das bolsas

A contía bruta individual das axudas para todo o período será de 12.050,00 euros para cada bolseira/o en prácticas na oficina da FGE en Santiago de Compostela e de 14.620,00 euros para cada bolseira/o destinada/o na oficina de Bruxelas. Esta contía estará suxeita ás retencións fiscais e de cotizacións á Seguridade Social, que veñan determinadas pola normativa vixente. O pagamento da bolsa dividirase en 12 mensualidades.

Para as/os bolseiras/os que vaian realizar a súa formación en Bruxelas establécese unha axuda complementaria de 500 euros en concepto de gastos de viaxe que se lles aboará unha vez comezadas as prácticas.

A FGE non aboará ningunha cantidade adicional por outros conceptos, aínda que correrá cos gastos de transporte, aloxamento e manutención nos casos en que, a petición da FGE, a/o bolseira/o deba asistir a eventos relacionados coa realización das prácticas, sen exceder en ningún caso o nivel do baremo de dietas aplicado pola FGE que lles corresponda.

Esta convocatoria de bolsas, que ascende a un total de 84.580,00 euros, queda condicionada a que exista financiamento suficiente no orzamento da FGE para o ano 2017 unha vez que sexa aprobado polo seu padroado.

7. Destinos das bolsas

Das seis bolsas convocadas, dúas están destinadas na oficina da FGE en Santiago de Compostela e as outras catro na oficina de Bruxelas.

As/os aspirantes expresarán na solicitude de admisión da convocatoria as súas preferencias polo lugar de realización das bolsas. Esta preferencia terase en conta, sen prexuízo da potestade da FGE de valorar a idoneidade das/os beneficiarias/os para calquera dos destinos, en función dos coñecementos lingüísticos e da formación académica.

8. Comisión de valoración

Dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación desta convocatoria, o director da FGE designará unha comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de avaliar o procedemento de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta convocatoria, así como de propoñer a concesión ou denegación das bolsas ás persoas interesadas.

A comisión estará composta por unha persoa que exerza a presidencia, outra persoa que exerza a secretaría e un máximo de tres vogais. Poderanse nomear, ademais, ata un máximo de dúas/dous asesoras/es externas/os con voz pero sen voto. A súa composición será publicada na páxina web da FGE (http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/).

Ningún membro da comisión terá titulación inferior á esixida para a admisión no proceso de selección.

9. Proceso de selección

O proceso de selección desenvolverase de modo simultáneo para as distintas modalidades de bolsa:

I. Tituladas/os universitarias/os

Esta modalidade de bolsa desenvolverase en tres fases consecutivas:

1.- Unha primeira fase que constará dos seguintes exames tipo test (ata un máximo de 20 puntos):

1. Un exame de 30 preguntas de coñecementos da UE redactado en lingua galega (ata 12 puntos)

2. Un exame de 50 preguntas, 25 de lingua inglesa e 25 de lingua francesa (ata 8 puntos). É obrigatorio facer ao menos unha das linguas.

Cada pregunta dos test constará de catro respostas alternativas sendo soamente unha a correcta. De cada tres respostas erradas en cada test descontarase unha acertada, sen que desconten as preguntas deixadas en branco.

Pasarán á seguinte fase, a de valoración de méritos académicos, as/os primeiras/os 48 aspirantes da modalidade de asuntos e políticas europeas e as/os 12 primeiras/os da modalidade de comunicación das políticas comunitarias que obteñan a mellor puntuación.

En caso de empate nas posicións 48 e 12, respectivamente, pasarán todas/os as/os aspirantes que teñan esa mesma puntuación.

2.- Unha segunda fase de valoración de méritos (ata un máximo de 20 puntos)

Polo que se refire á formación académica, atenderase ao seguinte baremo:

1. Expediente académico: Deberase presentar certificado académico expedido pola universidade no que conste a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no RD 1125/2003 (ata 10 puntos)

2. Licenciatura ou grao dos denominados como preferentes no punto 2 das bases desta convocatoria: 2 puntos. Unha segunda licenciatura ou grao preferente valorarase cun punto máis. Neste apartado obterase un máximo de 3 puntos.

3. Máster universitario ou curso de posgrao universitario recoñecido oficialmente e específico en asuntos europeos ou relacións internacionais: 2 puntos (valorarase un só título)

4. Idiomas: Título da Escola Oficial de Idiomas en inglés ou francés, ou títulos de idiomas de institucións oficiais que acrediten un coñecemento de inglés ou francés equivalentes ao nivel B2 ou superior do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa: 1 punto por título (ata un máximo de 2 puntos). A valoración do título superior exclúe a do título inferior da mesma lingua. Aplicarase a mesma puntuación aos títulos universitarios oficiais de licenciatura ou grao dos idiomas referidos (Filoloxía ou Tradución e Interpretación)

5. Certificado de Lingua Galega (Celga 4) ou titulación equivalente ou superior, segundo a Orde do 16 de xullo de 2007: 1 punto.

6. Cursos de ofimática: Por cada curso de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,20 puntos. Por cada curso de duración igual ou superior a 75 horas: 0,40 puntos. Neste apartado obterase un máximo de 1 punto.

7. Cursos relacionados cos ámbitos obxecto das bolsas: Por cada curso de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,20 puntos. Por cada curso de duración igual ou superior a 75 horas: 0,40 puntos. Neste apartado obterase un máximo de 1 punto.

Só se terá en conta a documentación esixida e baremable, sendo suficiente copia simple. Pasarán á seguinte fase, a da entrevista, as/os primeiras/os 20 aspirantes da modalidade de asuntos e políticas europeas e as/os primeiras/os 6 da modalidade de comunicación das políticas comunitarias que obteñan a mellor puntuación no total das dúas fases anteriores.

En caso de empate nas posicións 20 e 6, respectivamente, pasarán todas/os as/os aspirantes que teñan esa mesma puntuación.

3.- Unha terceira fase de entrevista (ata un máximo de 10 puntos)

Realizarase unha entrevista na que se valorará o coñecemento xeral e de actualidade sobre asuntos europeos da/o aspirante e a súa capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente nun entorno multicultural e multilingüe, podendo a comisión de valoración efectuar algunha pregunta en lingua inglesa ou francesa.

Dado que as/os aspirantes poden realizar as probas en Bruxelas e que parte da comisión de valoración pode estar alí situada, queda aberta a posibilidade de utilización de videoconferencia.

As bolsas concederanse as persoas que obteñan as catro mellores puntuacións da modalidade de asuntos e políticas europeas e á mellor puntuación da modalidade de comunicación das políticas comunitarias do proceso de selección, tendo sempre en conta as bases da convocatoria.

II. Técnica/o superior de Formación Profesional

Esta modalidade de bolsa desenvolverase en tres fases consecutivas:

1.- Unha primeira fase que constará dos seguintes exames tipo test (ata un máximo de 20 puntos):

1. Un exame de 30 preguntas, redactado en lingua galega (5 preguntas sobre a Unión Europea e 25 preguntas relacionadas coa titulación esixida e o contido do posto de traballo) (ata 12 puntos)

2. Un exame de 40 preguntas, 20 de lingua inglesa e 20 de lingua francesa (ata 8 puntos). É obrigatorio facer ao menos unha das linguas.

Cada pregunta dos test constará de catro respostas alternativas sendo soamente unha a correcta. De cada tres respostas erradas en cada test descontarase unha acertada, sen que desconten as preguntas deixadas en branco.

Pasarán á seguinte fase, que é a de valoración de méritos académicos, as/os primeiras/os 12 aspirantes que obteñan a mellor puntuación.

En caso de empate na posición 12, pasarán todas/os as/os aspirantes que teñan esa mesma puntuación.

2.- Unha segunda fase de valoración de méritos (ata un máximo de 20 puntos)

Polo que se refire á formación académica, atenderase ao seguinte baremo:

1. Expediente académico: Deberase presentar certificado académico expedido polo centro educativo no que conste a nota media do expediente calculada segundo o establecido na Orde de 12 de xullo de 2011, pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial (ata 10 puntos)

2. Titulacións: Título de Técnica/o superior de Administración e Finanzas ou de Técnica/o superior dun ciclo formativo da familia profesional de Informática e Comunicacións, ou equivalente: 2 puntos. Deberán ser acreditados documentalmente e expedidos por centros oficiais recoñecidos (ata un máximo de 4 puntos)

3. Idiomas: Título da Escola Oficial de Idiomas en inglés ou francés ou títulos de idiomas de institucións oficiais que acrediten un coñecemento de inglés ou francés equivalente ao nivel B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa: 1 punto por título. Se se acredita un coñecemento dos mesmos idiomas equivalentes ao nivel B2: 1,5 puntos por título (ata un máximo de 3 puntos). A valoración do título de nivel superior exclúe a do título de nivel inferior da mesma lingua. Aplicarase a mesma puntuación aos títulos universitarios oficiais de licenciatura ou grao dos idiomas referidos (Filoloxía ou Tradución e Interpretación)

4. Certificado de Lingua Galega (Celga 3) ou titulación equivalente ou superior, segundo a Orde do 16 de xullo de 2007: 1 punto.

5. Cursos relacionados con asuntos europeos: Por cada curso de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,20 puntos. Por cada curso de duración igual ou superior a 75 horas: 0,40 puntos. Neste apartado obterase un máximo de 1 punto.

6. Cursos de ofimática e cursos relacionados co ámbito obxecto da bolsa: Por cada curso de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,20 puntos. Por cada curso de duración igual ou superior a 75 horas: 0,40 puntos. Neste apartado obterase un máximo de 1 punto.

Só se terá en conta a documentación esixida e baremable, sendo suficiente copia simple.

Pasarán á seguinte fase, que é a de entrevista, as/os primeiras/os 6 aspirantes que obteñan a mellor puntuación no total das dúas fases anteriores.

En caso de empate na posición 6, pasarán todas/os as/os aspirantes que teñan esa mesma puntuación.

3.- Unha terceira fase de entrevista (ata un máximo de 10 puntos)

Realizarase unha entrevista na que se valorará o coñecemento xeral sobre a organización dunha oficina e a capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente en contornos multiculturais e multilingües, podendo a comisión de valoración efectuar algunha pregunta en lingua inglesa ou francesa.

Dado que as/os aspirantes poden realizar as probas en Bruxelas e que parte da comisión de valoración pode estar alí ubicada, queda aberta a posibilidade de utilización de videoconferencia.

A bolsa concederase a/ao candidata/o que obteña a mellor puntuación do proceso de selección, tendo sempre en conta as bases da convocatoria.

III. Disposicións comúns

Os resultados de cada proba e, no seu caso, a convocatoria á seguinte fase, serán publicados, nun prazo máximo de 15 días naturais desde o da súa celebración, na páxina web da FGE (www.fundaciongaliciaeuropa.eu).

Unha vez rematado o proceso de selección, a comisión de valoración elevará ao director da FGE unha proposta de resolución da concesión das bolsas debidamente motivada. A resolución do director farase pública na páxina web da FGE, xunto cunha prelación de suplentes.

De non presentarse solicitudes a convocatoria sería declarada deserta.

No prazo de sete días naturais, a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución da concesión das bolsas na páxina web da FGE, as persoas preseleccionadas deberán remitir á Fundación Galicia Europa a aceptación da bolsa (Anexo III) ou, no seu caso comunicar por escrito a súa renuncia á mesma, e acreditar documentalmente os datos, méritos e titulacións esixidos na convocatoria pública así como aos que fixo referencia na súa solicitude ou currículo vitae para adquirir a condición de bolseira/o en prácticas. Para o seu cotexo, os documentos mostrados serán orixinais ou copias compulsadas. No caso de non acreditar convenientemente todos os datos, méritos e titulacións, revogarase a proposta efectuada.

No caso de que exista algunha renuncia, concederáselle a bolsa a/ao candidata/o inmediatamente posterior na lista de reserva resultante do proceso de selección. A lista de reserva establecerase de conformidade coa puntuación obtida.

10. Lugar e data das probas

As probas de carácter práctico desenvolveranse simultaneamente en Santiago de Compostela e Bruxelas. Estas probas terán lugar o día 2 de decembro de 2016 ás 10:00 horas na sede da Escola Galega de Administración Pública (rúa Madrid 2-4, Polígono de Fontiñas, Santiago de Compostela) e na oficina da FGE no caso do exame de Bruxelas (Rue de la Loi 38, bte.2, 1040 Bruxelas)

Convocaranse a estas probas ás persoas solicitantes que cumpran os requisitos de admisión antes mencionados. Para este fin, e con anterioridade a esa data, publicarase unha lista de persoas admitidas na páxina web da Fundación Galicia Europa (www.fundaciongaliciaeuropa.eu). As/os candidatas/os non serán notificadas/os de forma individual. Para calquera información deberán consultar a páxina web da Fundación Galicia Europa.

As/os candidatas/os sinalarán na solicitude de admisión o lugar de preferencia de realización das probas que poderán modificar, con anterioridade á data do exame, nos casos nos que sexa necesario.

11. Natureza xurídica da relación

A concesión da bolsa non supón o establecemento nin o recoñecemento de vínculo algún de carácter profesional, laboral, mercantil estatutario ou análogo entre a/o beneficiaria/o e a FGE ou a Administración autonómica. De acordo co Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, as/os bolseiras/os quedan asimilados a traballadoras/es por conta allea, para os efectos da inclusión no réxime xeral da Seguridade Social.

A FGE non asumirá ningunha responsabilidade polos danos e prexuízos de calquera orde que puidese provocar o persoal bolseiro en tanto non se adecúe ás orientacións e consellos do persoal técnico da oficina á que sexa destinado.

A mera presentación da solicitude asinada para a participación no procedemento de selección descrito na presente convocatoria comportará a plena, voluntaria, libre e incondicional aceptación do presente documento, así como de todas as cláusulas do documento da convocatoria.

A presentación da solicitude de bolsa leva implícita a autorización á FGE para que publique na súa páxina web a relación de beneficiarios e o importe das bolsas concedidas, coas excepcións previstas nas leis, e para que inclúa os datos relevantes referidos ás bolsas concedidas no Rexistro de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 132/2006, de 27 de xullo.

12- Compromisos da Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa comprométese a:

– Facer fronte ao pago das obrigas económicas derivadas da concesión destas bolsas.

– Asignar a cada bolseiro/a un/unha titor/a que será responsable da súa formación durante todo o período que duren as prácticas.

– Proporcionar formación co obxectivo de que as/os bolseiras/os adquiran unha experiencia e un coñecemento prácticos das políticas comunitarias e das actividades cotiás dunha oficina de traballo.

– Expedir un certificado de realización das prácticas unha vez finalizado satisfactoriamente o período formativo e presentada a memoria das actividades desenvolvidas.

TE INTERESA?

Puedes saber más sobre la convocatoria pinchando AQUI

 

 

(Visited 488 times, 1 visits today)