A Fundación Galicia Europa convoca por segundo ano consecutivo e en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), unha bolsa de prácticas formativas para titulados superiores universitarios co obxecto de formar á persoa seleccionada na xestión de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación.
Esta é a segunda convocatoria da bolsa de I+D+i tras a entrada da Axencia Galega de Innovación (GAIN) no padroado da FGE en xuño de 2015, o que propiciou unha estreita colaboración entre as dúas entidades. A iniciativa enmárcase no obxectivo fundacional da FGE de formación en asuntos europeos.
A bolsa terá unha duración dun ano e se desenvolverá integramente na oficina da FGE en Bruxelas, onde a persoa seleccionada se unirá ao equipo de bolseiros da FGE. Tamén existe a posibilidade de que o seleccionado realice breves periodos formativos nas dependencias de GAIN en Santiago de Compostela. O período de prácticas desenvolverase entre o 23 de novembro de 2016 e o 22 de novembro de 2017.
O plan de formación consistirá no seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación e incluirá a asistencia ás reunións das redes de cooperación rexional nas que participa a Xunta para promover a participación galega en proxectos europeos de +D+i, nomeadamente ERRIn e a Vanguard Initiative.
A convocatoria detalla os prazos e procedementos para a presentación de solicitudes, as fases do proceso de selección e os requirimentos de admisión entre os que destacan ter unha vinculación con Galicia, ter obtido un título universitario superior con posterioridade a 2009, non ser beneficiario de ningunha convocatoria anterior de bolsas da FGE ou demostrar o dominio das linguas galega, española e inglesa, entre outros.
Aqueles interesados poderán presentar as súas candidaturas coa documentación esixida ata o día 14 de outubro mediante envío por correo certificado ou depositándoa persoalmente en calquera das dúas oficinas da FGE en Santiago de Compostela e Bruxelas.
A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa EU, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.
Consulta aquí a convocatoria